Parque natural Serra da Enciña da Lastra


Serra da Enciña da Lastra

A zona máis oriental, encaixado nos seus vales e adornado por cumes de rocha caliza

O tempo

Imaxes

Información

Unha paisaxe mediterránea única en Galicia


Unha aciñeira dálle nome ao Parque Natural Serra da Enciña da Lastra. Contan que unha árbore desta especie, de grandes dimensións, servía de guía aos viaxeiros que por aquí pasaban noutros tempos. O certo é que cerca do cemiterio de Covas se pode admirar unha aciñeira hoxe recoñecida como árbore senlleira.


Coas súas 3.151,67 ha de superficie, Enciña da Lastra é o máis novo dos seis parques naturais de Galicia (declarado o 03/05/2002), o cuarto en dimensión tras o veciño Invernadeiro (5.722 ha) e superado unhas cen veces pola extensión do Xurés (30.000 ha); os tres na provincia de Ourense.

Declaración Parque Natural "Serra da Enciña da Lastra"

Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra



Top 5: o que non debes perder
  1. Percorrer a ruta Val do Sil para interpretar todos os valores naturais que levaron a declarar este espazo protexido como Parque Natural e ver os farallóns calcarios.
  2. Recoñecer algunha das 25 especies de orquídeas que medran aquí, a mellor representación do territorio galego.
  3. Identificar gran número de especies mediterráneas como a aciñeira, a árbore que lle dá nome ao Parque Natural, e outras aromáticas como o tomiño, o ourego ou o cantroxo.
  4. Subir a algún dos 9 miradoiros do Parque para gozar coas vistas panorámicas: Caprada en Oulego, Alta da Escrita en Biobra, Tanque de Covas ou a Portela en Vilardesilva.
  5. Visitar algunha das aldeas do Parque Natural (Oulego, O Robledo, Porto, O Real, Biobra, Covas, Vilardesilva ou Pardollán), facendo unha parada para apreciar a beleza da igrexa do Real ou a ermida de Santo Estevo de Pardollán.

Servizos

Oficina-Centro de Visitantes do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Localización: Praza dos Bolos, s/n. Biobra. 32004 Rubiá. Ver en Google Maps
Contactar antes:
T: 988 386 376 - 988 386 029 (Ourense)
Entrada libre, con zonas de acceso restrinxido.


Visitas
10 sendas acondicionadas e sinalizadas.
Áreas de descanso e miradoiros aptos para observación de avifauna.

Rutas

Ruta Val do Sil

Baixa/Media
1,30 h
5 km
Lineal

Ruta Tras os Penedos

Baixa
25 min
1,5 km
Circular

Ruta Soutos baixo Pena Falcueira

Media/Alta
1,45 h
3,9 km
Circular

Ruta do Real de Oulego

Media
2,30 h
4 km
Lineal

Ruta do Caleiro

Baixa/Alta
3 h
6 km
Lineal

Ruta das Galegas

Media
3 h
6,8 km
Lineal

Ruta das Dúas Vertentes

Media
1,30 h
4 km
Circular

Ruta da Vía Romana

Media
3,30 h
8,6 km
Circular

Ruta da Ermida de Santo Estevo

Media
3 h
6 km
Circular

Ruta Baixo de Páramo

Media
2 h
4 km
Circular

Información de utilidade

Parque Natural
Oficina Ourense (Xunta) 988 386 376 - 988 386 029


Información municipal


A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  4. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  5. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  6. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  7. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  8. En moitos dos Parques Naturais organizan visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
  9. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  10. Camiña polos sendeiros habilitados.
  11. Respecta a sinalización.
  12. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  13. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  14. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  15. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  16. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  17. Respecta as propiedades privadas.
  18. Usa as áreas recreativas.
  19. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  20. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  21. Prohibido sobrevoar o espazo con calquera tipo de aeronave por baixo dos 1.412 m.
  22. Escalar na zona de reserva.
  23. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia.

Serra da Enciña da Lastra

A zona máis oriental, encaixado nos seus vales e adornado por cumes de rocha caliza

O tempo

Imaxes

Ecosistema

Endemismos calcarios e rarezas

Variedade de hábitats
Destacan os bosques de aciñeiras, soutos e matogueiras mediterráneas, que contan con peculiaridades como a presenza de campos de tomiñares silvestres. Atopamos endemismos florais de chans calcarios e outras rarezas como máis de 25 especies de orquídeas. Entre os hábitats de interese comunitario hai uceiras, matogueiras de estevas, pasteiros, pendentes rochosas calcarias, covas e bosques de castiñeiros e aciñeiras.

Os canóns e cantís fluviais son hábitats de aves de rapina que fan do Parque un interesante refuxio ornitolóxico, coa maior concentración de aves nidificantes de Galicia. Nas covas existen grandes colonias de morcegos.

Flora

Árbores e arbustos

A maior extensión de aciñeiras de Galicia
As aciñeiras de carácter calcario cobren máis dunha terceira parte do espazo natural e son as máis extensas de Galicia. Están caracterizadas pola aciñeira e o érbedo, acompañadas de arbustos mediterráneos como as xestas, lentellas ou escornacabras. Dependendo da altura, da profundidade dos solos e da orientación, aparecen as sobreiras, as abeleiras e o cancereixo. Nos claros vese cantroxo e diferentes especies de xaras.

Entre as comunidades arbustivas salienta o espiñeiral, no que participan numerosas especies con froitos carnosos e outras de vistosa floración, como o estripeiro, o abruñeiro e as roseiras bravas, entre as que se atopan algunhas especies de moi escasa presenza en Galicia como o xasmín amarelo.

Na ribeira do Sil dáse unha gran variedade de salgueiros, algúns deles propios do clima mediterráneo e moi escasos en Galicia. A represa da auga no encoro de Penarrubia fai que os salgueirais se vexan invadidos por árbores de maior talla como ameneiros e chopos.

Os vellos soutos de castiñeiros contan cunha notable extensión e atópanse ben implantados nos arredores das aldeas, como en Oulego, Covas, Biobra ou Pardollán, conservando exemplares centenarios.

Flores

Medio millar de especies coñecidas
A riqueza floral é moi elevada: coñécese a existencia de máis de 450 especies de flora vascular, das que 62 son endémicas do Parque e outras 55 aparecen restrinxidas a este e a outros afloramentos calcarios en Galicia.

Polo menos 40 especies son endémicas da Península Ibérica e seis sono de Galicia: Armeria rothmaleri, Campanula adsurgens, Dianthus merinoi, Leontodon farinosus, Petrocoptis grandiflora, Rhamnus pumila subespecie legionensis.

Como mínimo, considérase que 26 destes taxons son raros ou se atopan ameazados en Galicia.

Matogueiras

Abundante masa arbórea de baixo porte
Formacións de matogueiras importantes son as uceiras e estevais, comunidades asentadas sobre solos ácidos. Por esa preferencia son moito máis frecuentes nos montes dos territorios que rodean o Parque, nos que están ausentes as calcarias.

As uceiras ou breixeiras do territorio son matogueiras presididas pola urce vermella, acompañada invariablemente pola carqueixa. Con elas van outras matas leñosas de baixo porte.

O esteval é una formación de matogueira tipicamente mediterránea, composta por unha especie de cistácea cheirenta: a esteva ou xara pringosa. Acostuman acompañala a xesta con pinchos, o cantroxo e especies da uceira coas que se pode mesturar.

En xeral, no territorio do Parque non se dan grandes extensións de xesteira, pero as diversas especies de xesta atópanse moi a miúdo, ben mesturadas coas uceiras e estevais, ben cos espiñeirais na orla dos aciñeirais.

Orquídeas

Exclusiva diversidade
A familia das orquidáceas presenta unha extraordinaria diversidade no territorio do Parque. Podemos atopar máis de 25 especies, a mellor representación do territorio galego, entre elas media ducia de endemismos exclusivos ou especies que só se dan neste pequeno enclave.

Entre as diferentes especies, atópanse aquí as do xénero Ophrys, que simulan o corpo dunha abella. A Orchis italica Poir desenvolve poboacións numerosas de gran vistosidade. Algunhas das especies, extraordinarias dende o punto de vista da súa rareza a nivel galego, son a orquídea piramidal Anacamptis pyramidalis, a Cephalanthera rubra, o Limodorum abortivum e a orquídea purpúrea Hudson ou Orchis purpurea.

Sobre todo en primavera e verán, estas pequenas flores sorprenden pola súa beleza e vistosidade para atraer a potenciais polinizadores.

Zonas rochosas

Medrar con 90 º de inclinación
As máis interesantes comunidades vexetais, pola súa rareza e flora especializada, son as ligadas aos rochedos calcarios. A vexetación asociada ás repisas e ladeiras empinadas, onde a erosión produce multitude de microrrelevos, presenta unha gran cantidade de endemismos.

Pódense ver dúas asociacións: unha que se atopa nas paredes verticais (Saxifragetum trifurcatae) e outra especializada nos ocos e tramos extrachumbados das paredes, isto é, cando a rocha supera os 90º de inclinación (Petrocoptidetum grandiflorae).

Tamén relacionados cos solos calcarios posúen unha gran relevancia os tomiñeirais de Thymus zygis, únicos en Galicia e altamente recendentes, así como diferentes tipos de pasteiros mediterráneos e orocantábricos presentes en Oulego.

Fauna

Anfibios e réptiles

De carácter mediterráneo
No espazo natural hai inventariadas unhas 10 especies de anfibios e 13 de réptiles. Entre os herpetos predominan os ligados a ambientes secos e pedregosos, tipicamente mediterráneos. Hai poucas especies propias de zonas húmidas ou de ámbito eurosiberiano, podéndose atopar algunha como a ra verde ou as cobras de auga.

As aciñeiras, matogueiras e pasteiros calcarios acollen a meirande parte das especies máis características do Parque, como a lagarta cincenta e a rica comunidade de ofidios, presidida polas cobras bastarda e de escaleira.

Aves

A maior comunidade de nidificantes de Galicia
As aves son un dos principais valores faunísticos deste Parque Natural, que inclúe 1.742 ha de zona especial de protección para as aves (ZEPA). Máis de cen especies nidifican en Enciña da Lastra debido á elevadísima diversidade de hábitats existente nunha área de transición bioclimática na que hai grandes cortados calcarios, abundancia de froitos carnosos en espiñeiras e ambientes agropecuarios ben integrados.

Ademais, a inaccesibilidade dos canóns e cantís é perfecta para o establecemento das aves rapaces, das que se contan máis dunha vintena especies. O mellor lugar en Enciña da Lastra para ver aves é Pena Falcueira desde o miradoiro de Tanque-Covas (ao ser zona de reserva non se pode acceder).

Entre as aves rapaces nidificantes (diúrnas e nocturnas) localízanse aquí parellas de voitre branco, aguia real, aguia cobreira, aguia calzada, falcón peregrino e bufo real. Tamén se ten rexistrado a presenza da aguia perdigueira, moi rara en Galicia.

Entre a avifauna rupícola reprodutora (propia de medios rochosos, especialmente cantís) atopamos a maior poboación galega de pomba das rochas. As parellas de vencello real representan a única poboación desta especie no interior galego. Atopamos tamén a andoriña dos penedos, a andoriña dáurica, os merlos rubio e azul, o corvo e a choia piquivermella, representada no Parque por unhas 15 parellas no que supón un dos mellores puntos de Galicia. Nótase tamén neste mesmo medio a presenza invernal dos pouco comúns acentor alpino e treparriscos.

Dáse unha variada mestura de avifauna eurosiberiana e mediterránea, ligada a aciñeiras, soutos, espiñeiras e matogueiras, con numerosas especies raras como o alcaudón común, o papamoscas gris, a papuxa carrasqueña, a papuxa mirlona, o pardal chillón ou o bicogroso.

Hai por último un pequeno continxente de aves acuáticas no encoro de Penarrubia, entre as que cómpre mencionar, como invernantes, ao mergullón cristado e ao pato cristado.

Invertebrados

Cangrexos de río e bolboretas
Aínda que non está suficientemente estudada, a fauna de invertebrados conta con varias especies de interese, varias delas incluídas na Directiva de Hábitats europea. Entre elas salienta o ameazado cangrexo de río autóctono, presente en Galicia en moi poucos puntos das provincias de Lugo e de Ourense.

Este é tamén un paraíso para os amantes das bolboretas que, ao igual que a vacaloura, están amparadas pola citada Directiva.

Mamíferos

A colonia de morcegos máis rica de Galicia
A lista de mamíferos é das máis completas de Galicia, estando confirmada a presenza de 39 especies, aínda que cunha prospección máis detallada podería chegarse ao medio centenar.

É de máximo interese a gran variedade de morcegos existente no Parque xa que constitúen a colonia máis rica de Galicia. Están presentes polo menos 9 especies de quirópteros, incluíndo algunhas raras na comunidade como o morcego mediterráneo de ferradura, o morcego ratoeiro de ribeira, o morcego das covas ou o morcego rabudo.

Tamén é salientable a variedade e abundancia de carnívoros, entre os que cómpre destacar o gato bravo, a lontra, o armiño, o teixugo, o tourón e a garduña.

O lobo preséntase nas serras da zona e o oso pardo, existente polo menos ata o século XIX e extinto, visitou estas serras nalgunha ocasión nos últimos anos.

Os grandes mamíferos do Parque son o corzo e o xabaril, que alcanzan boas densidades e ocupan sobre todo as aciñeiras.

Peixes

Especies autóctonas e ameazadas
Seis das oito especies de peixes inventariadas no Parque son autóctonas. Varias delas atópanse amenazadas en España, como a anguía, o cacho, a vermella, a boga do Douro e o espiñento, que habitan nas augas do encoro de Penarrubia.

Desafortunadamente tamén se atopan no espazo natural dúas especies introducidas: a carpa e a perca americana ou black-bass.

Patrimonio material

Covas

Entre estalactitas e estalagmitas
A pouca dureza da rocha e a lenta acción da auga e do vento propiciaron a formación de grutas naturais chamadas “palas”, palabra de orixe prerromana que significa covas. Entre as parroquias de Covas, Pardollán e Biobra concéntrase a maior parte das cavidades censadas en Galicia, un conxunto de arredor de cen covas, nas que atopamos estalactitas e estalagmitas. Para practicar a espeleoloxía é necesario solicitar un permiso na administración do Parque Natural (988 386 376 - 988 386 029servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es).

A Pala da Zorra destaca por ser das máis grandes catalogadas, con 600 m de galerías e sete bocas de entrada. Unha das máis famosas é a Pala Pumbeira, á que se accede en barca desde o encoro de Penarrubia. Tamén de moita sona é a Pala da Campá, polo seu eco. Outras son a Pala Bonita, a Pala Silverte ou a Trimonia.

Ademais do interese que estas covas teñen para os espeleólogos, os historiadores teñen atopado nelas restos arqueolóxicos de diferentes civilizacións: da Idade de Bronce, da época romana e medieval.

Da Prehistoria á romanización

Castros e explotacións de ouro
Dos xacementos arqueolóxicos cómpre salientar un cúmulo megalítico preto de Biobra e restos de varios castros, como os de Pardollán, Pena León ou Pena Zamora.

Entre os vestixios da presenza romana en Rubiá destacan os restos da Vía Nova ou Vía XVIII, unha das máis importantes do Imperio, que unía os 300 km que separaban Astorga (León) de Braga (Portugal). O tramo de Robledo está incluído no territorio do Parque Natural, o que garante a súa protección futura. Do trazado desta vía romana forma parte a ponte de Regueiral.

Ademais, hai indicios de asentamentos romanos e de explotacións auríferas en varias poboacións do municipio, moi cerca das Médulas en León.

Patrimonio relixioso

Pedra vermella das canteiras locais
As sinxelas igrexas parroquiais albergan un interesante patrimonio artístico. Hai que salientar a igrexa do Real (s.XVI-XVII) e a ermida de Santo Estevo de Pardollán (s.XI-XII) unha das poucas románicas de Valdeorras. A primeira merece ser visitada por conservar a volumetría, materiais e técnicas constructivas exteriores coherentes coa súa época.

Santo Estevo de Pardollán, situada nun fermoso enclave natural e paisaxístico, está construída en mampostería de pedra da zona, con porta principal en arco de medio punto enmarcado na característica rocha vermella das canteiras locais.

Patrimonio etnográfico

Caleiros e fornos comunais
Os caleiros, fornos tradicionais que se usaban para calcinar a pedra calcaria e producir cal viva, son unha das marcas de imaxe do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra pola súa relativa abundancia e singularidade xa que non existen no resto do territorio galego (non calcario). Un dos máis importantes é o forno de cal de Covas, no val de Pereda.

En xeral, o conxunto do patrimonio etnográfico está constituído por una serie de construcións para a explotación dos recursos agropecuarios, entre os que cabe destacar:
Alvarizas: utilizadas para a cría de abellas e a produción de mel. Tiñan muros de protección contra os osos. Destaca a existente ao norte do núcleo rural de Oulego.
Fontes e lavadoiros: feitos e conservados polos veciños para o aproveitamento doméstico da auga. No Parque Natural son das poucas construcións tradicionais que seguen activas.
Fornos comunais: construídos e conservados para cocer o pan. Destacan os de Oulego, O Porto e O Robledo da Lastra.
Muíños de auga: os máis importantes son os existentes nos núcleos rurais do Porto ou en Oulego, que se usaban para moer todo tipo de grans.
Pombais: no Parque Natural hai abundantes mostras desta singular e coidada peza arquitectónica utilizada para a cría de pombas como os das localidades de Oulego ou Biobra.
Casas tradicionais: con escadas exteriores, corredores, fornos exteriores para cocer o pan, galerías e outras singularidades propias da zona.

Patrimonio inmaterial

A explotación da pedra calcaria

Actividade industrial en Rubiá
En Rubiá, municipio onde se sitúa Serra da Enciña da Lastra, hai restos de todas as civilizacións que nalgún momento poboaron esta comarca e que, capa sobre capa, foron enriquecendo o territorio con tradicións, usos e costumes.

Un dos recursos naturais do Parque intensamente aproveitado para a actividade económica -e case único nesta banda oriental de Galicia- foi a pedra calcaria, da que se extraía o cal vivo utilizado na construción como base para a argamasa e para encalar as vivendas.

O forno de cal de Covas, situado preto das canteiras e aínda en pé, foi testemuña desta actividade industrial. Aquí realizábase a calcinación da pedra a unha temperatura constante de 1.000 graos e dentro de grosos muros de pedra coa única apertura da porta (ou boqueira) e da cheminea.

Para queimar as pedras calcarias utilizábase leña de aciñeiras, tamén coñecido como xardón na zona, e de castiñeiro. As pedras colocábanse en fileiras, con ocos entre elas e formando unha falsa cúpula. Por encima, botábanse unhas 60 padas de carbón que ardían durante unhas tres horas.

Serra da Enciña da Lastra

A zona máis oriental, encaixado nos seus vales e adornado por cumes de rocha caliza

O tempo

Imaxes

Como chegar?

Situado no extremo nordeste da provincia de Ourense e con sede no concello de Rubiá, o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra pertence á comarca de Valdeorras e linda con El Bierzo, na provincia de León. As localidades principais máis achegadas son Rubiá, O Barco de Valdeorras, Puente de Domingo Flórez e Ponferrada.


Accesos
  1. O espazo natural está atravesado pola estrada N-120 (Ponferrada-Ourense). Á parte norte da área (Oulego) conduce a estrada comarcal OU-622.
  2. A N-536, entre as localidades leonesas de Carucedo e Puente de Domingo Flórez, bordea o límite oriental do Parque Natural, que se pode percorrer desde as localidades de Pardollán e Vilardesilva.
  3. Hai un apeadeiro de ferrocarril en Covas.

Permisos necesarios

Precísase autorización para:
Practicar sendeirismo na zona de reserva.
Practicar espeleoloxía en todo o espazo.
O tránsito de embarcacións no encoro de Penarrubia.
A caza na zona de reserva por motivos de xestión ou por fins científicos.
A actividade de filmación e gravación con carácter comercial ou científico.
A realización de actividades e probas de carácter deportivo.
A realización de actividades de investigación no medio natural.
As repoboacións e aproveitamentos forestais nos montes do espazo.
A instalación de sinalizacións.




+info e solicitude de autorizacións

Servizo de Conservación da Natureza de Ourense

Localización: Rúa do Paseo, 18 - 5º. 32003 Ourense. Ver en Google Maps

Contacto

Servizo de Conservación da Natureza de Ourense

Localización: Rúa do Paseo, 18 - 5º. 32003 Ourense. Ver en Google Maps

Miradoiros

Hai 9 áreas de descanso-miradoiros acondicionados:
  1. Alto da Escrita-Biobra (807 m). Vese o val do Galir e do Sil con impresionantes cortados ao fondo.
  2. A Petada-Oulego (760 m). Preciosa vista de Oulego.
  3. A Portela-Vilardesilva (640 m). Espectacular vista de Vilardesilva e do cortado de Penarrubia.
  4. Caprada ao norte de Oulego (820 m). Impresionante vista da cara norte dos Penedos de Oulego.
  5. Fonte N-120-Covas (560 m). Vista do val de Covas e do río Sil.
  6. Pardollán (540 m). Vista do val do Sil en Penarrubia e Pardollán.
  7. Tanque-Covas (647 m). É o mellor lugar do Parque para ver aves rapaces xa que desde aquí se divisa o Estreito de Covas e Pena Falcueira, cortados nos que nidifican moitas destas aves. A Pena Falcueira non está permitido acceder por ser zona de reserva do Parque.
  8. Túnel N-120-Covas (540 m). Vista do val de Covas e do río Sil.
  9. Valdesalvador-Biobra (800 m). Vista do val do Galir e de Serra Malvela.

Ocio

No teito de Galicia
O municipio de Rubiá é un dos trece integrados no xeodestino turístico Manzaneda-Trevinca, considerado o teito de Galicia xa que aquí se sitúan Cabeza Grande en Manzaneda, con case 1.800 m, e Pena Trevinca, con 2.127 m.


Varios son os puntos de interese que se poden visitar tras coñecer o Parque Natural de Enciña da Lastra. Cara ao suroeste, e a menos dunha hora en coche atópase o impoñente santuario barroco das Ermidas, construído na ladeira dunha empinada montaña sobre o curso do río Bibei (afluente do Sil). Aso pés hai unha bonita praia fluvial. A estación de esquí de Manzaneda (a 1,15h), a única de Galicia, ofrece en inverno 15 km de pistas de varios niveis de dificultade e o resto do ano, actividades multiaventura.


En Pena Trevinca, cara ao sueste de Enciña da Lastra, paga a pena marabillarse coas augas cristalinas dos lagos glaciares de Ocelo e Lagoa da Serpe e, de camiño, parar no Teixedal de Casaio, un dos maiores bosques de teixos de Europa.

Produtos locais

Terra de castañas, godello e mencía
Os impresionantes farallóns calcarios da Serra da Enciña da Lastra contrastan co val do río Sil e coas veigas cultivadas e defendidas por magníficos soutos de castiñeiros. A castaña é precisamente un dos produtos locais máis abundantes e de máis sona, sendo un ingrediente indispensable na gastronomía da comarca. Xa sexa de acompañamento en primeiros e segundos pratos ou como ingrediente especial en sobremesas.


Esta é tamén terra de viños da Denominación de Orixe Valdeorras. Das 11 variedades de uva, as máis coñecidas -que tamén dan nome aos caldos con máis sona- son as autóctonas godello (branco) e mencía (tinto). O primeiro, de aroma afroitado, cor amarela, dourada ou palliza e lixeiro no padal, e o tinto, de intensa cor púrpura, elegante aroma afroitado e textura carnosa. A D.O. Valdeorras organiza unha ruta enoturística por varias bodegas da zona.


+info

Serra da Enciña da Lastra

A zona máis oriental, encaixado nos seus vales e adornado por cumes de rocha caliza

Documentación

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN).Decreto 77/2002.

Data de declaración

Decreto de Declaración do Parque Natural.Decreto 77/2002Decreto 157/2002.

OUTRAS FIGURAS DE PROTECCIÓN

Outras figuras de protección

O área correspóndese parcialmente coa IBA 010 Montes Aquilanos, compartida polas comunidades autónomas de Galicia e Castilla e León, incluída no inventario de SEO/BirdLife (1998).

Outras figuras de protección

Zona especial de conservación "Serra da Enciña da Lastra”, ZEC ES1130009, 1.787 ha

Outras figuras de protección

Zona de especial protección para as aves (ZEPA) "Serra da Enciña da Lastra”, ZEPA ES1130009; de 1.787 ha.

Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Serra da Enciña da Lastra” de 1.742 ha.