Parque natural O Invernadeiro


Información

Reserva natural agochada no Macizo Central
O Invernadeiro é unha zona montañosa na parte sur do Macizo Central ourensán. Está conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrada polas serras de Queixa e Fial das Corzas, con picos de máis de 1.600 m.


As súas 5.722 ha de extensión pertencen á comarca de Viana e lindan coas de Terra de Trives e Verín (comarcas do Entroido ourensán por excelencia), no centro-oriental da provincia. Foi declarado Parque Natural o 27/06/1997, sendo o cuarto da comunidade. Está situado a só dúas horas en coche de Enciña da Lastra e do Xurés, os outros dous parques naturais de Ourense.

Declaración Parque Natural "O Invernadeiro"

Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Invernadeiro


Top 5: o que non debes perder
  1. A fauna de mamíferos é un dos maiores atractivos do Parque Natural. Sorte dos visitantes que consigan ver corzos, cervos ou cabras bravas.
  2. Unha sensación: o silencio e o íntimo contacto coa natureza. O Invernadeiro é o único Parque Natural de Galicia no que non hai poboacións humanas.
  3. Percorrer as sendas da Auga ou das Troitas para apreciar a beleza do ecosistema fluvial do río Ribeira Grande.
  4. A paisaxe cambiante nas catro estacións do ano nun horizonte de suaves cumios que parecen tapizados en verde. Desde a neve do inverno ata o malva das uceiras en primavera.
  5. O interesante patrimonio etnográfico e o industrial da época da Papelera Española.

Servizos

Centro de recepción do Parque Natural do Invernadeiro

Localización: Ribeira Pequena, s/n. 32547 Vilariño de Conso (Ourense). Ver en Google Maps
Contactar antes:
Horario
Aberto para visitas autorizadas, de 9.00 a 11.30h
Entrada libre
Visitas
Seis itinerarios sinalizados.
Observatorios de fauna (cercado de cervos e de cabras bravas).





Aula da Natureza

Localización: Ribeira Grande. Ver en Google Maps
Visitas
Dirixidas a grupos de escolares (mínimo 15 e máximo 58 participantes). O tempo máximo de estadía son 4 días, ampliables excepcionalmente a 7.
A Aula da Natureza conta con 2 dormitorios individuais e 2 colectivos (28 liteiras cada un) destinados a investigadores e estudantes, sala de xogos, laboratorio-biblioteca, aula de proxeccións, enfermaría, comedor e cociña industrial.

Rutas

Ruta do Valdeirexa ou dos Cercados

Media/Alta
2 h
3 km
Circular

Ruta das Troitas

Baixa
2 h
3,5 km
Circular

Ruta da Ortiga

Alta
7 h
22 km
Circular

Ruta da Corga ou do Depósito

Alta
1,30 h
2 km
Circular

Ruta da Auga

Baixa
2 h
4 km
Circular

Ruta da Aceveda

Media
3,30 h
8 km
Circular

Información de utilidade

Parque Natural
Oficina Ourense (Xunta) 988 386 376 - 988 386 029




Información municipal
Vilariño de Conso 988 340 302




Emerxencias
Urxencias 112
Seprona 062
Incendios forestais 085




Outras app de interese

A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  4. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  5. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  6. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  7. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  8. En moitos dos Parques Naturais organízanse visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
  9. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  10. Camiña polos sendeiros habilitados.
  11. Respecta a sinalización.
  12. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  13. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  14. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  15. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  16. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  17. Respecta as propiedades privadas.
  18. Usa as áreas recreativas.
  19. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  20. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  21. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia.

Ecosistema

Paisaxe de montaña

De interese comunitario
No Parque Natural do Invernadeiro atopamos diferentes hábitats de interese comunitario, como varios tipos de uceiras (húmidas atlánticas, secas europeas e oromediterráneas endémicas con toxo), carballeiras galaico-portuguesas e bosques de acivro ou de ameneiros e freixos. Conviven con ríos, prados e rochedos, nun espazo de elevado interese botánico e faunístico e de excepcional valor xeomorfolóxico e paisaxístico.

Flora

Árbores e arbustos

Rica zona de transición
O carácter fronteirizo do clima fai que concorran especies arbóreas atlánticas, como o carballo común, e submediterráneas, como o carballo cerquiño ou rebolo. Aprécianse antigas plantacións forestais de piñeiros rubios que ocuparon unha gran parte do actual Parque ata comezos da década de 1980.

Entre os diferentes tipos de bosques atópase a carballeira acidófila montana, caracterizada polo carballo común e a arandeira, que ocupa ladeiras orientadas ao norte en vagoadas e vales angostos, frescos e húmidos. Un bo exemplo é o barranco de Augacenza, con exemplares de máis de cincocentos anos.

No cortexo arbóreo non escasean os acivros nin o carballo albar, que alcanza aquí a súa localización máis suroccidental en Europa; e, sobre todo, o seu híbrido co carballo. Propia da zona tamén é a carballeira de cerquiño ou rebolo, transicional entre as rexións eurosiberiana e mediterránea.

O bidueiral e as formacións de acivros ocupan pisos máis altos nas abas, mentres que as abeleiras predominan no fondo das corgas, nas inmediacións de cursos de auga de forte pendente.

En zonas máis baixas encóntrase o bosque de ribeira, no que destacan o ameneiro e o sanguiño.

Outras especies arbóreas ou arbustivas de especial interese, presentes nestes bosques, son o teixo, o cancereixo, o salgueiro cabuxo, o abruñeiro e o pradairo.

Guía da flora do Parque Natural do Invernadeiro

Fieitos e flores

Exquisitez á sombra das polas
Nas áreas arboradas e nos seus clareiros refúxiase un importante número de fieitos, así como interesantes especies de hepáticas (algunhas moi raras en España, como a Aphanolejaeunea microscopica), e certo número de plantas vasculares endémicas ibéricas, raras ou pouco comúns, como Anemone trifolia subespecie albida, Silene acutifolia, Veronica micrantha ou o ameazado Eryngium duriaei subespecie juresianum.

Matogueiras e pastos

Vexetación endémica e infrecuente en Galicia
As matogueiras predominantes no Parque pola súa extensión son as uceiras, caracterizadas pola uz Erica australis sub. aragonensis e a carqueixa.

En solos máis profundos e húmidos aparecen Erica arborea e as xesteiras de Genista florida subespecie polygaliphylla e Cytisus multiflorus.

Aínda que ocupan unha área moito menor, son tamén de elevado interese os pastos pioneiros de rochedos, os diferentes tipos de herbais, os prados terofíticos ibéricos e as depresións húmidas con herba das malladas, que se sitúan en cotas por encima dos 1.500 m.

Todos estes hábitats albergan un gran número de plantas endémicas e infrecuentes en Galicia, entre as que cabería citar, entre moitas outras, a Allium victorialis, a Festuca elegans, a Festuca graniticola (exclusiva do Macizo Central ourensán) ou o Narcisuss asturiensis.

Fauna

Anfibios e réptiles

Dous habitantes destacados
No Parque Natural hai catalogadas unhas 15 especies de réptiles e 10 de anfibios. A víbora fociñuda, de distribución restrinxida a moi poucos puntos da provincia de Ourense, é, xunto co moito máis común pero endémico lagarto das silveiras, o réptil de maior significación.

Aves

Un cento de especies catalogadas
A avifauna forestal é a propia de áreas de matogueira e rochedos, estando catalogadas unhas 90 especies.

As aves rapaces confírenlle un notable interese á zona. Un número indeterminado de aguias reais utilizan este espazo como zona para campar (a especie nidificou hai anos na zona). Outras rapaces diúrnas reprodutoras son a aguia cobreira, a tartarañas cincenta, a gatafornela, o azor, o gabián, o falcón peregrino e o lagarteiro. Entre as nocturnas está o bufo real.

Outros elementos avifaunísticos de relevancia son as picas dos prados e alpina, o merlo rubio, a andoriña dos penedos e, sobre todo, a rara e ameazada charrela ibérica.

Invertebrados

Lesmas e vacalouras
No Invernadeiro atópanse especies de invertebrados forestais como a lesma e a vacaloura.

Mamíferos

Excepcional punto de observación en Galicia
A fauna de mamíferos posúe un relevo excepcional no marco de Galicia e é un dos maiores valores do Parque Natural, estando catalogadas unhas 40 especies.

O catálogo de carnívoros é moi importante. Inclúe o lobo, do que se coñece unha poboación estable, así como o gato bravo, a marta, o armiño, o tourón e a lontra.

As poboacións de ungulados (que se apoian e camiñan co extremo dos dedos) son moi notables, con altas densidades de xabaril, corzo e cervo (reintroducido hai anos); e presenza de cabra brava (máis de 250 exemplares) e rebezo. Hai tamén unha relevante poboación de lebre ibérica.

Entre os pequenos mamíferos de maior interese, o leirón encóntrase aquí ao bordo do seu límite meridional de distribución, ao igual que a trilladeira nival, acantoada a máis de 1.200 m de altitude. O ameazado desmán ibérico (mamífero semiacuático) ten nos numerosos regatos un hábitat óptimo.

Peixes

Laboratorio de troitas
Coñécense tres especies de peixes autóctonos ameazados no ámbito do Parque, a troita, o cacho e a boga do Douro.

A dous quilómetros da Aula da Natureza atópase o Centro Ictioxénico (laboratorio das troitas) que dispón da infraestrutura necesaria para a súa captura co fin de realizar un desove manual das mesmas e obter un maior número de alevíns.

Patrimonio material

Usos do monte no pasado

Os barrios de carboeiros e a Papelera Española
Na actualidade non existen núcleos habitados dentro do Parque, pero no pasado este territorio foi aproveitado polos habitantes da contorna. Deste xeito, chegaron aos nosos días numerosos elementos de patrimonio etnográfico como curros, cabanas de pastores, muíños, marcos de orientación ou barrios de carboeiros como os de Sangubiñedas ou A Ortiga.

Tamén é de subliñar o patrimonio industrial da época de Papelera Española, conformado por barracóns, casetas de vixilancia ou viveiros.

Patrimonio inmaterial

Monte laico desde o s.XV

Documentado na Idade Media
O Invernadeiro é un caso excepcional na historia do monte galego: na documentación histórica aparece co nome actual desde o século XV. Estas terras pertenceron durante cinco séculos á familia nobre dos Cadórniga ligada á Casa da Mezquita. Dende a Idade Media, os pobos do val do Conso, en réxime de arrendamento ou foro, fixeron aproveitamentos de pastos, cultivaron centeo en searas, recolleron leña e practicaron a caza e a pesca.

O feito de que O Invernadeiro pertencese durante longo tempo a mans laicas fixo que non se vira afectado pola desamortización de Mendizábal na primeira metade do século XIX. Tampouco experimentou divisións coma outras tantas propiedades ao longo da historia, mantendo a súa integridade ata a actualidade.

O terreo pasou a ser propiedade de Papelera Española S.A. en 1949, iniciándose as primeiras repoboacións forestais.

No verán de 1979 un impresionante incendio reduciu a cinzas o predio e cinco anos despois, en 1984 este foi adquirido pola Xunta de Galicia, que o declarou refuxio de caza e pesca, para despois pasar a ser Parque Natural.

O Invernadeiro

A sintonía mediterránea e eurosiberiana composta por unha gran variedade de flora e fauna

O tempo

Imaxes

Como chegar?

O Parque Natural do Invernadeiro está situado nos límites do concello de Vilariño de Conso (comarca de Viana), sendo as localidades de referencia Verín e a capital, Vilariño de Conso. Con 200 km2 é un dos municipios máis grandes de Ourense, sucado por numerosos ríos e regatos que enchen catro encoros: As Portas (o segundo de Galicia), Edrada, Cenza e O Vao.


Accesos
  1. Pola autovía A-52 ou a estrada N-525 ata Verín. Unha vez alí cóllese a estrada comarcal en dirección a Laza (OU-113), para desviarse a 2,5 km pola estrada OU-114 e chegar a Campobecerros. Desde este lugar accédese por unha pista forestal asfaltada ao Parque Natural, que se encontra a uns 8 km ao norte.

Permisos necesarios

Visita só con autorización previa

Contacto

Servizo de Conservación da Natureza de Ourense

Localización: Rúa do Paseo, 18, 5º. Ourense. Ver en Google Maps

Miradoiros

Hai seis miradoiros:
  1. A Aceveda (1056 m). Boas vistas do val do río Ribeira Pequena.

  2. O Birlauto (1286 m). Vista da Serra de Fial das Corzas.

  3. Pico da Ortiga (1488 m). Espectacular paisaxe do Parque Natural e da Serra de Queixa e de Manzaneda.

  4. A Fenteira (1240 m). Vista panorámica dos vales do Ribeira Pequena e do Ribeira Grande, os dous principais ríos do Parque Natural.

  5. Punto de observación cercado de cabras bravas (1216 m). Situado na metade do percorrido da Ruta dos Cercados; con sorte poderá verse algún exemplar.

  6. Punto de observación cercado dos cervos (1100 m). Situado no tramo inicial da Ruta dos Cercados; con sorte, poderá verse algún exemplar.

Ocio

A gran festa do Entroido
O de Vilariño de Conso é un dos oito Entroidos galegos que exhiben con orgullo a cualificación oficial de "Festa de Interese Turístico". Comeza o xoves de compadres e o día grande é o Domingo de Entroido ou Domingo Gordo durante o que, coincidindo coa Festa do Cabrito, boteiros e folións desfilan xuntos na Fuliada pola rúas de Vilariño.


Os boteiros son a personaxe máis popular do entroido de Vilariño de Conso, tamén de Viana (serían o equivalente aos peliqueiros de Laza). A máscara que levan, diferente segundo a aldea da que procedan, está feita de madeira de bidueiro, pintada de negro e co bico vermello. Sobre ela levan unha rechamante “pantalla” na cabeza. A vestimenta é tamén moi vistosa e colorida.


Vilariño de Conso está situado no xeodestino Verín-Viana, onde se celebran outros famosos Entroidos como os de Verín, Laza e Viana do Bolo.


O resto do ano, a paisaxe de montaña desta zona préstase para innumerables actividades ao aire libre, ademais de ser un territorio recomendado para os afeccionados á pesca e á caza maior ou menor.

Produtos locais

Cabrito, peixes de río e montonico
O produto máis típico da gastronomía de Vilariño de Conso é o cabrito de monte, prato habitual o Domingo de Entroido, as carnes de vacún e de año, os chourizos, as androllas de Vilariño, as troitas ou as anguías dos ríos Cenza e Conxo. Entre as sobremesas destaca a bica mantecada e o montonico (un follado de doce de leite e merengue). A castaña é tamén un dos piares económicos do municipio presente na súa gastronomía.


Artesanía do coiro, da madeira e do liño, así como de diferentes produtos artesáns e de elementos relacionados co Entroido (carautas de Boteiro, traxes, bombos…) son outros produtos típicos relacionados con oficios tradicionais presentes en Vilariño.

O Invernadeiro

A sintonía mediterránea e eurosiberiana composta por unha gran variedade de flora e fauna

Documentación

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN). Decreto 16/1999.

Data de declaración

27 de junio de 1997. Decreto 155/1997, de 5 de junio.

GUÍAS

Guía da flora do Parque Natural do Invernadeiro
Plano de rutas do parque natural

OUTRAS FIGURAS DE PROTECCIÓN

Outras figuras de protección

Zona especial de conservación (formando parte do Macizo Central, ZEC ES1130002; 46.986 ha).

Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (formando parte do Macizo Central; 46.829 ha).