A Xunta convoca o primeiro concurso escolar musical sobre a natureza ‘On: operación natureza’

mércores, Maio 2, 2018

Concurso de Canción Infantil ON, Operación Natureza

Finalidade
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, convoca o I Certamen de Canción sobre a Natureza, Operación Natureza (ON) cos seguintes obxectivos: promocionar, difundir e divulgar os valores do patrimonio natural de Galicia, impulsar a educación e a participación na conservación dos recursos naturais, incrementar a sensibilidade ambiental para fomentar actitudes que respeten o medio natural, promover a interpretación e comunicación ambiental incentivando a creatividade musical.

Concursantes
Os concursantes poden ser alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria, ou de Centros de Educación especial , e só se admitirá ao concurso tres grupos como máximo por centro.

O alumnado concursante haberá de presentarse en grupos cun mínimo de dez persoas e un máximo de trinta compoñentes entre os que se inclúen voces, músicos e acompañantes.

Permitirase un adulto de acompañante (directores ou instrumentistas, pero non cantantes ou intérpretes).

Non se admitirán os vídeos con gravacións musicais que non reúnan os requisitos esixidos nestas bases.

Criterios de valoración
Serán obxecto de valoración os seguintes aspectos: letra, interpretación vocal e instrumental, orixinalidade, creatividade, posta en escena, interese musical e artístico das composicións, calidade técnica e acompañamento dun videoclip.

Xulgaranse ademais outros aspectos como a afinación, escenografía (se a houbese), grao de conxunción, presentación, vestiario en consonancia co tema da canción.

Valorarase tamén a composición do grupo (idades, número de integrantes, diversidade, etc).

Normas de presentación e Documentación que teñen que presentar os participantes:
A presentación a este concurso é libre e gratuíta.

Para presentarse ao concurso será necesario realizar e enviar unha maqueta en formato audiovisual (.mp4) cos seguintes requisitos:

A maqueta que envíen para participar será de música orixinal e inédita que nunca fose difundida nin en soporte físico nin a través das redes sociais e conterá unha única canción.
As cancións serán presentadas mediante a gravación dun vídeo en directo sen que estea permitido o uso de música pregrabada e interpretado tal e como vai ser executado no concurso. A duración máxima por canción é de 4 minutos.
Os traballos deberán ser inéditos
A letra debe ser realizada polos integrantes do grupo do Centro de Educación, e se identificará o compositor da música.
Os vídeos correctamente identificados e a documentación adxunta enviaranse por correo electrónico á dirección: concurso.patrimonionatural@xunta.gal
No correo electrónico deberá constar o Nome e datos do Centro educativo, nome do grupo, así como o nome, apelidos, D.N.I., teléfono de contacto e teléfono móbil, dirección completa e correo electrónico do representante do grupo.
Achegarase nun arquivo xunto coa maqueta a seguinte documentación:
Relación de compoñentes do grupo especificando a súa función dentro deste e instrumentos, con indicación dos seus nomes e apelidos e das súas idades, fotocopia do DNI de todas as persoas compoñentes ou, no seu caso, do libro de familia, así como autorización dos pais ou titores legais para a realización da actividade e a súa difusión.
Título, letra das cancións presentadas e duración.
Admítese toda a documentación complementaria que se considere oportuna, en soporte dixital, referida á posta en escena, escenografía, vestiario, etc.

Rexeitaranse os envíos que non cumpran as normas anteriormente citadas.

Todas as cancións serán obxecto de difusión nos medios de comunicación e redes sociais da Xunta de Galicia e da Conselleria de Medio Ambiente e ordenación do tetrritorio.

Contido das cancións
As letras das cancións e o videoclip respectarán a lexislación relativa ao dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar, á propia imaxe e á protección de menores.

As letras versarán sobre calquer tema referida á Conservación da Natureza e o Patrimonio Natural de Galicia, en especial á Biodiversidade e aos Espazos Naturais Protexidos.

Prazo de presentación

O prazo de presentación das cancións comezará o 2 de maio de 2018 e rematará o 30 de maio de 2018.

Desenvolvemento do concurso
O concurso desenvolverase nas seguintes fases:

1ª Fase:

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección das maquetas dos grupos que pasan á 2ª Fase ata un máximo de 15, comunicándoselles aos concursantes.

2ª Fase:

Os grupos preseleccionados actuarán en directo en tres sesións (5 en cada unha) que terán lugar previsiblemente o xoves 5 de xuño e o sábado 9 de xuño en sesións de mañá e tarde.

Os grupos seleccionados serán convenientemente notificados e haberán de presentarse sesenta minutos antes da hora prevista para a celebración do concurso.

Deles serán seleccionadas dúas cancións finalistas por cada sesión que concorrerán á gran final do concurso o domingo día 10 de xuño pola mañá no recinto ferial de Silleda, onde se fará entrega dos premios.

Na actuación da Gala, cada un dos grupos interpretará a canción presentada na maqueta, e unicamente por causa xustificada, poderase admitir variacións entre as persoas integrantes dun grupo e as persoas que finalmente integren ese grupo na Gala final.

Xurado
O xurado da final do concurso estará composto por os seguintes membros:
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
Directora Xeral de Patrimonio Natural
Persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Natural
Un membro do Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela

En caso de empate a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, o persoa en que delegue, terá o voto de desempate.

Todas as decisións do xurado serán irrevogables, definitivas e inapelables.

Premios
Establécense os seguintes premios:
Premio á mellor canción, dotado cunha viaxe ao Parque Nacional Marítimmo Terrestre das Illas Atlánticas.
Premio á mellor interpretación e posta en escena, dotado cunha viaxe ao Parque Nacional Marítimo Terresre das Illas Atlánticas.
Poderase conceder un accesit

Aceptación das bases.
A participación no concurso supón a aceptación na súa totalidade das presentes bases que poden ser consultadas polos centros participantes na http://galicianaturaleunica.xunta.gal

O organizador resérvase o dereito de retirar ou modificar a mecánica do concurso á súa enteira discreción, para o cal informará pertinentemente a través dos mesmos medios en que se publicitou o concurso, modificando as bases, se o considerara oportuno.

Dereitos de propiedade intelectual
Os premiados deberán traspasar á Xunta de Galicia todos os dereitos de explotación, exposición, reprodución e publicación en todos os sistemas, así como a través de internet, da canción e do seu videoclip, de ser o caso, que correspondan ao obxecto do concurso con arranxo á lexislación sobre propiedade intelectual.

Tamén cede o dereito de transformación da canción e/ou videoclip, para a súa edición fragmentada.

Nota adicional
Para calquera consulta poden dirixirse por escrito ao correo electrónico:
concurso.patrimonionatural@xunta.gal