O Parque natural de Corrubedo acolle a exposición “Descubre a Rede Natura 2000 en Galicia”

martes, Setembro 12, 2017 - 00:45
O Parque natural de Corrubedo acolle a exposición “Descubre a Rede Natura 2000 en Galicia” Desde o 12 de setembro ao 15 de outubro o Parque natural de Corrubedo acolle no edificio do CIELGA a exposición itinerante “Descubre a Rede Natura 2000 en Galicia”, unha exposición itinerante elaborada pola Xunta de Galicia (Dirección Xeral de patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e O.T.) e o CEIDA, e que é a primeira vez que se expón, desde a súa inauguración. Está constituída por 12 paneis a través dos que se fai un repaso sobre os principais espazos naturais galegos que forman esta Rede europea de protección da biodiversidade, así como dos hábitats e especies de interese comunitaria de maior interese que temos en Galicia. Pero a exposición non só da a coñecer os principais valores da Rede Natura 2000 en Galicia senón que tamén pretende comunicar os beneficios Ambientais e socio-económicos que achega a protección dos espazos naturais que comprenden a Rede Natura e fomentar actitudes e valores positivos de cara á súa conservación. Datas: - do 12 de setembro ata o 15 de outubro Horario: - martes a venres de 10.30 a 14.00 - sábados, domingos e festivos: de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 - luns pechados A única exposición didáctica permanente sobre artes de pesca de Ribeira Ademais a visita á exposición sobre a Rede Natura 2000 pode completarse coa exposición permanente sobre o Parque Natural e visitando a única exposición sobre artes de pesca, con pezas reais cedidas ao parque natural, que hai no concello de Ribeira, que está acompañada por unha pequena Guía didáctica sobre a mesma coa que se pode traballar cos alumnos/as dos centros educativos. Unha exposición na que se fai un repaso a importancia que ten a pesca no noso concello, facendo un pequeno repaso polos distintos tipos de artes de pesca que se usaron ao longo do tempo e algunha aínda se segue a usar nas augas fronte ao parque natural, así como da embarcación tradicional máis propia do noso concello, a dorna, para as que o parque tiña un pequeno porto natural.