Os visitantes poden retirar con 90 días de antelación o permiso de acceso ao monumento natural das Catedrais

xoves, Xuño 29, 2017

A Xunta de Galicia habilita una ano máis a plataforma para a solicitude e reservas de acceso ao monumento natural das Catedrais, que neste verán ten como novidade a posibilidade de reservar ata con 90 días de antelación.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que a partir do 1 de xullo, e ata finais de verán, serán necesario contar coa autorización para facilitar o acceso á praia de Augasantas, no Concello de Ribadeo.

Cómpre recordar que este acceso pode conseguirse de xeito gratuíto na web https://ascatedrais.xunta.es/, seguindo catro pasos sinxelos. O número de prazas que se pode reservar por cada solicitude é de 30.

Asemade, esta medida garante ao visitante acceder ao areal e evita un feito máis importante e preocupante, como o de producir alteracións no hábitat das especies, xa que unha das finalidade do Plan de conservación é preservar e conservar o espazo natural e fomentar un turismo sostible. Trátase dunha ferramenta que reporta beneficios ás xeracións actuais e sobre todo ás futuras, porque se está a protexer e preservar este monumento natural e espazo imán.

Servizo de apoio
Durante esta campaña de verán tamén haberá un servizo de apoio ao uso público, con horario de 10 a 19 horas, polo que catro profesionais controlarán o acceso, informarán sobre o xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese.

Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de axudar aos condutores a atopar unha praza, co fin de evitar conxestións. Existen dúas áreas de aparcadoiros, un situado parcialmente no monumento natural con capacidade para 120 turismos, 4 autobuses e zona para bicicletas, e outro situado a menos de 1,5 km, cunha beirarrúa que enlaza coa pasarela de acceso ao monumento natural, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa de 120 turismos.

Tamén este ano se volverá ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de 30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía.

Espazo imán
O Monumento Natural da Praia das Catedrais é un dos 17 espazos imán que identifica o Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural de Galicia,

O valor deste espazo natural concreto, tanto a nivel ambiental, paisaxístico como de biodiversidade é incontestable, pero non é menos certo que os espazos naturais son moito máis que iso, e teñen un enorme potencial turístico, social e económico.

Así nace a idea de aproveitar o recoñecemento e a popularidade destes espazos para atraer visitantes cara outros enclaves igualmente importantes, creando sinerxías entre os diferentes espazos; trazando dous radios de acción (un de 30 e outro de 50 quilómetros) para delimitar a súa área de influencia.

Así, aproveitando a sona do espazo imán das Catedrais, buscase espertar o interese dos visitantes a outras zonas e puntos da Mariña lucense, como as cetáreas de Rinlo, a Basílica de San Martiño en Foz, o porto pesqueiro de Burela, a fortaleza do Mariscal Pardo Cela ou a Catedral de Mondoñedo, así como a rede de rutas dispoñibles na Reserva da Biosfera do Eo, Oscos e Terras do Burón.