Parque natural Baixa Limia - Serra do Xurés


Información

O máis grande de Galicia
A pedra granítica e a paleta de verdes das 30.000 hectáreas que abarca o Parque Natural Baixa Limia-Xurés destacan nunha paisaxe que conxuga serras agrestes e suaves cunha altitude media por encima dos 1.000 m. É o de maior extensión dos seis parques naturais galegos, sendo recoñecido o 22/02/1993.

Declaración Parque Natural

Ampliación do ámbito territorial do Parque Natural
Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural



Xunto co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês conforma o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.




Top 5: o que non debes perder
  1. Elixir algunha das 11 rutas de sendeirismo (130 km acondicionados) para coñecer de primeira man os valores do Parque Natural máis grande de Galicia situado na “raia seca” con Portugal. No camiño, atoparanse os típicos “bolos graníticos” ou “pedras cabaleiras”, de orixe glaciar, que invaden algunas aldeas.
  2. Alzar a vista ao ceo e ver algunha das 150 especies de aves que viven na comarca da Baixa Limia (76% das censadas en Galicia) como a aguia real ou a aguia perdigueira.
  3. Ver algún exemplar de mamíferos característicos do Parque como corzos, cervos, cabra brava, cabalos de raza galaico-portuguesa ou a vaca cachena (autóctona).
  4. Achegarse a Portela de Home (Lobios) e ver algún dos 116 miliarios da Vía Nova romana que unía os 300 km que separaban Braga de Astorga.
  5. Ir ata a aldea de Alvite ou percorrrer a ruta do Río Vilameá, entre outas, para ver as alvarizas.

Servizos

Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Estrada de Portugal, 34, Lobios (Ourense). Ver en Google Maps
Horarios
Verán: L-D 10.00-14.00 / 16.00-20.00h
Inverno: L-D 10.00-14.00 / 16.00-18.00h
Entrada libre
Visitas
11 itinerarios sinalizados. En dous deles (A Cela-Pitões e Torrente-Salgueiro) débese enviar comunicación por escrito (parque.natural.xures@xunta.gal) ás oficinas do Parque Natural para atravesar a zona de acceso regulado da aldea medioambiental de Salgueiro (concello de Muíños). Indicar día, número de persoas, responsable, teléfono e email de contacto.
Visitas autoguiadas con paneis interpretativos e material divulgativo.
Existen zona habilitadas para deixar os coches ao inicio das rutas.

Rutas

Vieiro das Mámoas

Media
22 h
49 km
Circular

Torrente-Salgueiro

Media/Alta
12 h
22 km
Lineal

Río Vilameá

Baixa/Media
45 min
1,7 km
Circular

Río Mao

Baixa/Media
2 h
3,4 km
Circular

Río Agro

Media/Alta
4-5 h
16,5 km
Circular

Queguas

Media
3 h
8,5 km
Circular

Padrendo

Media/Alta
4 h
11 km
Circular

Mina das Sombras

Alta
8 h
14 km
Lineal

Ermida do Xurés

Media
2,30 h
4 km
Circular

Corga da Fecha

Alta
3 h
3,6 km
Lineal

A Cela-Pitões

Alta
10 h
28 km
Lineal

Información de utilidade

Parque Natural
Centro Interpretación 988 788 755




Información municipal
Calvos de Randín 988 434 000
Entrimo 988 434 666
Lobeira 988 458 513
Muíños 988 456 403




Emerxencias
Urxencias 112
Seprona 062
Incendios forestais 085




Outras app de interese

A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  4. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  5. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  6. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  7. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  8. En moitos dos Parques Naturais organízanse visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
  9. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  10. Camiña polos sendeiros habilitados.
  11. Respecta a sinalización.
  12. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  13. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  14. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  15. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  16. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  17. Respecta as propiedades privadas.
  18. Usa as áreas recreativas.
  19. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  20. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  21. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia.

Ecosistema

Grande abano de hábitats

Entre toxos e uces
Predomina por extensión o mato rochoso, sobre todo nos altos. Nos vales e nas proximidades dos ríos aparece un abano máis amplo de hábitats. No Parque atopamos ríos, encoros, augas termais, uceiras, turbeiras, rochedos e bosques.

A maior parte do territorio ocúpana as formacións arbustivas de toxo e uces alternados con rochas, masas de arborado ou pasteiros de montaña.

Nas zonas ocupadas por masas forestais atopamos tanto carballeiras autóctonas como piñeirais de repoboación.

Nas proximidades das aldeas pódense atopar prados e zonas de cultivo, acompañadas de masas forestais e viñedos.

A flora do Parque está composta por máis de 600 especies. A gran variedade vexetal vén dada pola peculiaridade do clima, nunha zona de transición entre o mediterráneo e o oceánico que permite a coexistencia de especies típicas de distintos ambientes.

O lume é o grande inimigo desta diversidade. O antigo costume de realizar queimas para a creación de pastos provocou enormes perdas de solo. As áreas boscosas, de extensión reducida, están en fase de recuperación.

O Parque Natural inclúe varias zonas de reserva integral, con áreas de alto valor natural, sobre todo desde o punto de vista botánico e faunístico: o Barranco de Olelas, os cumios da serra do Xurés; o Barranco da Cruz de Touro, no sector meridional de Santa Eufemia; e o contorno da Barxa, no val do río Salas.

Flora

Árbores e arbustos

Reduto de especies “raras”
Estes bosques albergan algunhas especies realmente raras, como é o caso do azareiro, arbusto ameazado, ou do endemismo Eryngium duriaei subsp. juresianum, umbelífera considerada en perigo en España, que mantén nestas serras a mellor das súas catro poboacións, todas elas localizadas en Galicia.

Nas zonas altas hai pequenas formacións de carballo cerquiño ou negral e bidueirais, aos que acompañan teixos, acivros e cancereixos. A menor altitude sitúase o carballo común e a arandeira que dá paso, preto dos vales, ás carballeiras mesturadas co castiñeiro, o sanguiño, a abeleira, o loureiro, o érbedo e a sobreira, e que a miúdo se ven invadidas por piñeiros de repoboación.

No espazo natural hai tamén bosques de ribeira, con ameneiros, salgueiros e freixos; algún aciñeiral; e soutos ou bosques de castiñeiros, presentes nas aldeas.

Flores

O lirio do Xurés
Nos claros das uceiras florece avanzada a primavera o lirio do Xurés, unha das especies máis emblemáticas do Parque Natural. Esta flor ten aquí a maior poboación das tres coñecidas en España e que está considerada en perigo crítico de extinción.

Matogueiras

Cubren a metade do Parque
Arredor da metade da superficie do Parque (unhas 15.000 ha) está constituída por matogueiras e pastizais. As matogueiras colino-montanas están dominadas por piornos, toxos, xestas e ericáceas, mentres que nos cumios máis altos as especies máis características son as xestas, os piornos e as uces.

Outras xoias botánicas

En rochedos e solos areosos
Outras comunidades vexetais de valor son as pradarías anfibias de pozas e cursos fluviais, as turbeiras, as uceiras higrófilas e, en particular, os varios pastizais pioneiros vivaces propios de fisuras de rochedos e solos areosos. Nestes moran outras dúas xoias botánicas, as flores armerias humilis subespecie odorata e humilis subespecie Humilis, con exemplares adultos que poden ter unha raíz pivotante superior a 15 cm.

Un gran número de especies raras concorren nestes hábitats escasos, como é caso dalgúns musgos e plantas vasculares.

Fauna

Anfibios e réptiles

Representación de endemismos ibéricos
Coñécense unhas 30 especies de herpetofauna entre anfibios e réptiles. Doce delas son endemismos ibéricos e tres están consideradas vulnerables.

Son especialmente destacables as poboacións da píntega rabilonga, que habita nas vagoadas sombrizas dos regatos. Tamén o catálogo de especies mediterráneas, como a lagarta rabuda; e a completa comunidade de ofidios, integrada por todas as especies da fauna galega, incluídas a cobra rateira, a cobra riscada e, singularmente, a víbora fociñuda. Esta última, acantoada en moi poucos puntos da provincia de Ourense, habitante de matogueiras e herbais montanos en ambientes pedregosos.

Guía de anfibios
Guía de réptiles

Aves

Hábitat do 80% das aves de Galicia
Arredor de 150 especies de aves viven temporal ou permanentemente na Baixa Limia, representando o 76% das censadas en Galicia, na súa maioría nidificantes.

Destaca a presenza de aves rapaces, incluíndo especies moi ameazadas e de distribución moi localizada, como é o caso da aguia real, da que hai varias parellas criando no Parque. Outro habitante do Xurés é a aguia perdigueira, que ten aquí a súa zona de presenza máis frecuente en Galicia; ou o bufo real. Ademais, nidifican a aguia cobreira, o miñato abelleiro, a gatafornela, a tartaraña cincenta e o falcón peregrino.

Entre a avifauna mediterránea e montana, ligada a rochedos e matogueiras, atopamos o pombo pequeno, a andoriña dáurica, a pica campestre, o pedreiro rubio, os merlos rubio e azul, a choia e o escribente hortelán.

En contraste, o Parque acolle algunhas das poboacións máis sudoccidentais de especies tipicamente eurosiberianas, como a pica das árbores, a papuxa picafollas, o picanzo vermello, o cardeal e o escribente amarelo. O cruzabico ten aquí unha das súas poucas (quizais a única) zona de cría en Galicia.

Entre a avifauna acuática ligada aos encoros destaca a presenza como invernante do mergullón cristado, con concentracións moi notables no encoro do Salas, e a cría da píllara pequena.

Invertebrados

No territorio da Baixa Limia
Na comarca chéganse a contabilizar ata unhas 80 especies de invertebrados. Entre os considerados de interese para a conservación da natureza, debido á súa inclusión en listaxes e disposicións legais de protección e de ameaza, cóntase a lesma, a vacaloura e o odonato.

Guía de insectos acuáticos

Mamíferos

Todas especies autóctonas
A listaxe de mamíferos do espazo natural consta dunhas 40 especies, todas elas autóctonas. Destacan os exemplares máis emblemáticos da nosa fauna, como o desmán, o gato bravo, a lontra, a marta e o lobo, así como os quirópteros, que contan con especies pouco coñecidas como o morcego da fraga. O leirón alcanza nestas serras o límite sudoccidental da súa área de distribución europea.

O oso pardo sobreviviu na área ata a primeira metade do século XX. Entre os grandes herbívoros destacan o xabaril, o corzo e o cervo, e nos altos cumios, a cabra brava, así como a raza galaico-portuguesa do cabalo, que habita en semiliberdade. En 1997 iniciouse a reintrodución, con éxito, da cabra brava, especie da que hai constancia histórica da súa presenza ata 1892 na área e que constituía un endemismo local.

Guía de mamíferos

Peixes

Hábitat do barbo
Xunto á troita común, especie amplamente distribuída, aparecen seis endemismos no ámbito do Parque. Destacan como máis característicos o barbo, cunha distribución en Galicia restrinxida ás concas dos ríos Limia e Támega; o cacho, a vermella, a boga do Douro, e o espiñento.

Patrimonio material

Testemuños prehistóricos

Asentamentos desde o Paleolítico
Hai indicios de ocupación humana no Paleolítico, cun poboamento de cazadores e colleiteiros nas terrazas da veiga de Lobeira e Riocaldo.

Os primeiros pastores e agricultores que se asentaron nesta zona (entre o 3.500 e o 2.000 a.C.) deixaron numerosos monumentos megalíticos: antas, arcas, mámoas, dolmens e panteóns funerarios.

A Casa da Moura, en Entrimo, é un dos dolmens de máis sona de Galicia polo seu estado de conservación e polas súas dimensións (4 m de longo por máis de 2 m de alto). Tamén en Entrimo atopamos as mámoas do Monte do Quinxo e do Monte de San Fiz, así como a necrópole dolménica de San Fiz, os Montes Lumiares e o Penedo da Facha.

Entre os elementos megalíticos máis destacables no concello de Muíños cómpre citar a necrópole de Maus de Salas, formada polas antas Casiña da Moura e Casota do Foxo, no lado sur do encoro de Salas. También hai que mencionar a necrópole do Outeiro de Cavaladre, con 14 túmulos e sita nunha das beiras do devandito encoro.

Os numerosos castros indican a existencia dunha poboación establecida nos séculos inmediatos ao inicio da nosa era. Como exemplo da cultura castrexa están o Castro de Taboadela en Barxés e o castro de Outeiro da Cela en Mugueimes (Muíños), o xacemento do Castelo en Galez (Entrimo) ou o xacemento do Monte dos Castelos.

Vía Nova romana

Os miliarios de Portela de Home
O legado máis singular da romanización é a Vía Nova, tanto pola conservación do seu trazado como polo número e calidade dos seus miliarios epigrafiados. En tempos da Gallaecia romana comunicaba as cidades de Braga e Astorga. O seu nome débese a que foi unha das últimas rutas de comunicación construídas no noroeste peninsular, aínda que a súa denominación orixinal era Vía XVIII, do Itinerario de Antonino. Na parte portuguesa coñécese como Geira.

A súa lonxitude alcanzaba os 300 km e o seu ancho era de 7 a 10 metros. Cada mil pasos atopamos os miliarios, uns monólitos cilíndricos duns dous metros de altura que servían para sinalar as distancias e, en ocasións, para render culto ás autoridades. En toda a Vía Nova localizáronse 276 miliarios: 150 no tramo portugués e 116 no galego. Unha boa concentración deles atópase en Portela de Home, en Lobios, nun paso fronteirizo entre España e Portugal.

Campamento e balneario
Outra proba da romanización é o Campamento Aquis Querquennis, en Bande, próximo ao encoro das Conchas e ás “Lagoas Quentes” romanas. Esta fortaleza albergou ao medio milleiro de lexionarios e á tropa auxiliar que construíron e vixiaron a Vía Nova no seu paso por terras de Ourense. Ten unha superficie de 25.000 metros cadrados, traza rectangular, uns muros defensivos de tres metros de altura e torres defensivas que protexen as catro portas de acceso. Un cuartel xeral, tres barracóns, un hospital, dous hórreos e unha mansión extramuros integraban o campamento. O verán é a mellor época para visitar este xacemento arqueolóxico, cando o nivel das augas do encoro das Cunchas está máis baixo.

Á altura de Riocaldo, en Lobios, atopamos o Mansio Aquis Originis. As escavacións sacaron á luz restos de edificios asociados a cociñas e un espazo termal con sistema de calefacción.


+info
Centro de Interpretación en Portoquintela, a 3 km de Bande. Ver en Google Maps

Arquitectura civil e relixiosa

Peregrinos e señores feudais
A maior xoia arquitectónica da zona é a igrexa visigótica de Santa Comba en Bande, do s.VII, declarada Monumento Nacional en 1921. Este templo acollía camiñantes e peregrinos, como parece indicar a distribución dos espazos que hoxe se conserva sen grandes modificacións.

Outro exemplo do patrimonio relixioso no Parque é a igrexa de Santa María A Real, en Entrimo, cunha fachada barroca churrigueresca de finais do s.XVII e principios do XVIII.

No concello de Lobios destaca a igrexa de San Miguel en Fondevila (s.XVII), coa súa torre con balaustrada barroca.

O santuario dos Milagres de Couso, en Muíños; a igrexa de San Mamede en Grou (Lobios); ou a igrexa de San Salvador en Prado de Limia (Muíños), xunto co resto de capelas e ermidas, completan o conxunto.

No Parque atopamos restos de castelos feudais, como o da Vila en Lobios ou o de Monte dos Castelos en Entrimo.

Tamén hai obras civís como as pontes do Casal, de Pacín, de Covas, a ponte vella de Porto Pequeno (todas en Entrimo); ou as de Ganceiros e de Carballedo de Torno (en Lobios).

Arquitectura popular

Curiosas aldeas e alvarizas
As vivendas tradicionais da Baixa Limia, construídas con granito, fúndense coa paisaxe e cos grandes bolos graníticos que mesmo se integran nas aldeas. O modelo máis xeneralizado é o da casa de dúas plantas: a baixa para as cortes e a alta para as persoas. O acceso aos cuartos faise en moitos casos desde o patín, ou escalinata exterior de pedra. Algunhas fachadas posúen solainas orientadas ao mediodía.

Un modelo menos evolucionado é o da vivenda dunha soa planta, na que convivían gando e persoas separados por unha mampara de madeira ou por un muro de pedra.

Os núcleos máis representativos desta arquitectura son Olelas e A Cela.

No Parque abondan construcións populares como os hórreos, aquí chamados canastros, muíños e mesmo fornos de pan.

Destacan as alvarizas, tradicionais construcións circulares que protexían as colmeas contra os ataques dos osos e tamén contra posibles roubos. Algunhas, como as de Alvite, están colocadas nos socalcos ou terrazas que os habitantes construíron na súa conquista do terreo montañoso.

Ecoaldea de Salgueiro

A aldea medioambiental de Galicia
A Xunta de Galicia adquiriu as vivendas e terreos da aldea abandonada de Salgueiro para convertela na primeira aldea medioambiental de Galicia co obxectivo de poñer en valor a riqueza natural e patrimonial que atesoura en pleno corazón do Xurés (concello de Muíños). O proxecto consiste en recuperar unhas 45 vivendas, varias para servizos públicos, e a capela, ademais de mellorar os accesos ao enclave e instalar unha depuradora ecolóxica.

Ademais da agricultura e da gandería, os habitantes de Salgueiro vivían da elaboración e venda de carbón vexetal a Portugal. Nos anos 50 do s.XX, a prosperidade foi a menos. As malas comunicacións e o illamento, as sacrificadas condicións de vida a 1.050 m de altitude, sobre todo no inverno, a chegada doutras fontes de enerxía ou o auxe da emigración, baleiraron Salgueiro. Quedaron só medio cento de construcións típicas, de boa fábrica que daban mostra do poder adquisitivo dos seus habitantes.


Aviso
Para atravesar a aldea (rutas A Cela-Pitões e Torrente-Salgueiro) é preciso enviar comunicación por escrito (parque.natural.xures@xunta.gal) ás oficinas do Parque Natural. Hai que indicar día, número de persoas, responsable, teléfono e email de contacto.

Patrimonio inmaterial

O Couto Mixto

República independente no s.XIX
O Couto Mixto era un territorio que funcionou como unha República Independente das coroas española e portuguesa desde a Baixa Idade Media e ata o Tratado de Lisboa de 1864. Estaba constituído polos actuais lugares de Santiago, Rubiás e Meaus, nos concellos de Calvos de Randín e Baltar.

Os seus habitantes gozaban de privilexios tales como non estar obrigados a adquirir unha determinada nacionalidade, exención de impostos e do servizo militar, liberdade de comercio ou dereito de asilo a refuxiados, entre outros.

Dispoñían do "camiño do privilexiado" inmune á acción dos gardas fronteirizos, duns seis quilómetros e delimitado con marcos, que comunicaba Randín en España con Tourem en Portugal.


+info

Como chegar?

As case 30.000 hectáreas (29.345 ha.) que se extenden por seis concellos da comarca da Baixa Limia fan do Parque Natural Baixa-Limia Xurés un reto para quen queira coñecer de primeira man esta reserva da natureza na fronteira con Portugal.


Se o Parque Natural do Monte Aloia (Pontevedra) está situado na “raia húmida” con Portugal, o Xurés limita coa “raia seca” nesta zona do suroeste da provincia de Ourense.


As localidades de referencia son Bande, A Vila (Lobeira), Entrimo, Muíños, Lobios e Calvos de Randín.


Accesos
  1. Desde a N-525 (Santiago-Zamora) ou a A-52 (autovía das Rías Baixas), continuar ata Xinzo de Limia e despois pola estrada comarcal OU-301 por Mugueimes, ou ben por Calvos e Maus de Salas.
  2. Desde Ourense, pola A-52, enlazar coa autovía AG-311 e continuar pola OU-540 (Lugo-Portugal) en dirección Celanova e Portugal ata a sede do Parque Natural en Lobios.

Permisos necesarios

Os intereseados en realizar as rutas A Cela-Pitões e Torrente-Salgueiro deben enviar comunicación por escrito (parque.natural.xures@xunta.gal) ás oficinas do Parque Natural para atravesar a zona de acceso regulado da aldea medioambiental de Salgueiro (concello de Muíños).


Débese indicar día, número de persoas, responsable, teléfono e email de contacto.

Contacto

Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Estrada de Portugal, 34, Lobios (Ourense). Ver en Google Maps
Horarios
Verán: L-D 10.00-14.00 / 16.00-20.00h
Inverno: L-D 10.00-14.00 / 16.00-18.00h

Miradoiros

Existen 11 miradoiros desde os que obter excelentes vistas do Parque Natural:


  1. A Clamadoira (753 m). Vistas da Serra do Leboreiro e do val do Limia.

  2. Corga da Fecha (470 m). Vistas do val de Riocaldo e da fervenza da Corga da Fecha.

  3. Ermida do Xurés (700 m). Vistas do val de Riocaldo, de Lobios e de Padrendo, Manín e Santa Eufemia.

  4. Espigón Olelas (723 m). Neste punto pode terse unha boa vista do val do Limia, unha panorámica do Parque Natural, de Santa Eufemia e da Serra Amarela.

  5. Gustomeau (650 m). Fermosa imaxe dos socalcos, do val do río Cabaleiro acompañada dunha panorámica do Parque Natural.

  6. O Pisco (1265 m). Paga a pena a subida para levar de recordo a panorámica dos Picos de Frontefría, das Gralleiras e do val do Salas.

  7. O Viso (900 m). Vista panorámica do Parque Natural e do val do Limia.

  8. Pedreiriño (730 m). Este é un dos 6 miradoiros do Xurés desde o que ter unha bonita vista panorámica do Parque Natural. Os outros 5 son: Espigón Olelas, Gustomeau, O Viso, San Bieito de Grou e San Rosendo.

  9. San Bieito de Grou (757 m). Este é outro dos 6 miradoiros do Xurés desde o que ter unha bonita vista panorámica do Parque Natural.

  10. San Rosendo (725 m). Ampla panorámica do Parque Natural, de Santa Eufemia, de Quinxos e do val do Limia.

  11. Xordos (670 m). A menos altitude ca no miradoiro do Pisco, desde aquí tamén se ten unha boa vista dos Picos de Fontefría e do val do Limia.

Ocio

Turismo termal aos pés do Xurés
O turismo termal pode ser unha opción para seguir coñecendo este territorio fronteirizo a carón da “raia seca” con Portugal. A provincia de Ourense conta coa maior rede de balnearios catalogados de toda Galicia, oito en activo, e un deles localízase en Lobios, aos pés do Parque Natural Baixa Limia-Xurés. Xunto a el atópanse as Termas do río Caldo, unha piscina pública gratuíta na que tamén brotan as augas curativas das que xa gozaron os romanos. Están indicadas para procesos crónicos reumatolóxicos, respiratorios, dermatolóxicos e dixestivos.


Os seis municipios nos que se sitúa o Parque Natural (Entrimo, Lobios, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín) forman parte do xeodestino Celanova-Limia, terra de Entroidos ancestrais, de saborosas patacas (A Limia) ou de poetas como Curros Enríquez (s.XIX) ou Celso Emilio Ferreiro (s.XX). En todos os municipios hai rutas para coñecer os valores locais xa sexa en coche, a pé, en rutas BTT ou incluso en bicicleta eléctrica (aluguer na zona).


En concreto, Lobios conta cun Museo Numismático permanente no que atopar moedas da Grecia antiga, da República Romana, da Iberia ou da actualidade.

Produtos locais

Mel, vaca cachena e queixo de cabra
Tres produtos gastronómicos típicos da zona están relacionados co aproveitamento dos recursos naturais do Xurés, directa ou indirectamente. Son o mel, a carne de vaca cachena (autóctona) e o queixo de cabra elaborado con leite cru.


No día a día, unha das delicias que pode atopar o visitante ou o turista é a empanada de forquella, típica do municipio de Entrimo. Esta é unha empanada diferente porque non se fai con placas de masa de pan e recheo, senón que os condimentos van todos mesturados na masa, como se dun bolo se tratase. Sobre o mes de maio, organízase a “Festa de exaltación da empanada de forquella e vaca cachena da Serra do Quinxo".


No verán, en Lobios ten lugar a “Festa dos callos limiaos” acompañada dunha feira de artesanía; e en Muíños, a “Festa das Sopas do Burro Canso” (pan duro empapado en viño de Barrantes con azucre e frito) e a de “Galo Pica no Chan” (criado en liberdade).


Un prato de nova elaboración que inclúe carne de caza, é o arroz con corzo, un dos grandes herbívoros do Xurés.

Documentación

Data de declaración

Decreto 29/1992, do 11 de febreiro, sobre declaración do parque natural de Baixa Limia - Serra do Xurés

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN). Decreto 64/2009

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN).Decreto 32/1993

Data de declaración

22 de febreiro de 1993 (Decreto 29/1993, do 11 de febreiro)

Data de ampliación

29 de outubro de 2009 (Decreto 401/2009 , do 22 de outubro)

Carta Europea de Turismo Sostible (CETS)

Acta do Foro sobre CETS. Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

GUÍAS

Paquetes turísticos. Baixa Limia - Serra do Xurés
Guía da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês - Xurés (castelán)
Plano de rutas do parque natural
Guía dos mamíferos do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía dos mamíferos do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía didáctica dos insectos acuáticos do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía didáctica dos insectos acuáticos do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía dos réptiles do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía dos réptiles do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía dos anfibios do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

Guía dos anfibios do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

OUTRAS FIGURAS DE PROTECCIÓN

Outras figuras de protección
Outras figuras de protección

Zona especial de conservación (ZEC) “Baixa Limia”, ZEC ES1130001; 33.921 ha.

Outras figuras de protección

Zona de especial protección para as aves “Baixa Limia-Serra do Xurés”,código ZEPA ES0000376 de 31.287 ha.

Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais: “Baixa Limia-Serra do Xurés” de 31.287 ha. e “Baixa Limia” de 33.920 ha.

ACTIVIDADES

Charla "O xabaril e o corzo: bioloxía, convivencia e xestión"